A Guarda recicla máis de 4 toneladas de roupa usada en 4 meses
O servizo de recollida selectiva de roupa e téxtiles usados comezou a principios do ano 2019 na Guarda coa instalación de 5 contedores en varias rúas do municipio.
Esta medida se tomou dende a Concellería de Medio Ambiente ante o elevado número de quilos que se viñan recollendo no punto limpo da Guarda deste tipo de materiais, o que motivou a facilitar aos veciños e veciñas desfacerse da roupa e téxtiles usados para a súa posterior reciclaxe en centros específicos de tratamento e transformación.
Neste senso instaláronse xa 6 contedores, emprazados no aparcamento da Rúa Malteses do Porto da Guarda(O Rejiño), na Rúa Donantes de Sangue, na Rúa Puerto Rico, na Rúa Manuel Álvarez, na Rúa Julia Vaquero e outro máis que se emprazará proximamente na Gándara.
Dende a súa instalación, e en tan só 4 meses, recolléronse nestes contedores un total de 4,443 quilos de roupa usada e téxtiles, sen contabilizar nestes datos os quilos que se recolleron a maiores no punto limpo da Guarda.
O Concello da Guarda considera que coa instalación destes contedores mellorouse notablemente este servizo, e facilitouse tamén a reciclaxe destes materiais, tendo unha previsión de aumentar o número deste tipo de contedores a máis parroquias da vila proximamente, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.
Estes contedores están pensados para depositar roupa e téxtiles usados, así coma tamén zapatos, un servizo de recollida selectiva realizado pola empresa TEXLIMCA S.A., encargada da recuperación e reciclaxe deste tipo de materiais.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.
Mapa de ubicación dos contedores:
Tag:A Guarda, Reciclaxe, roupa usada, téxtiles