A Guarda súmase á loita pola visibilidade da fibromialxia da man de Fibromiño
O Concello da Guarda celebrará o vindeiro venres 9 de maio unha charla polo Día Mundial da Fibromialxia e da Síndrome de Fatiga Crónica, en colaboración coa Asociación Fibromiño, unha entidade local de referencia na loita por mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por estas enfermidades crónicas.
A charla titulada “Achega emocional á dor crónica” estará impartida pola psicóloga Andrea Iglesias. “Abordaremos o impacto emocional da fibromialxia e a importancia dos factores psicolóxicos como o estrés, a ansiedade ou a depresión no manexo da doenza”, explicou Iglesias.
A sesión comezará ás 20:30h no Salón de Plenos e ofrecerá ferramentas prácticas de afrontamento emocional, técnicas de relaxación e mindfulness, así como unha visión máis ampla do papel dos pensamentos na calidade de vida das persoas afectadas.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, o concelleiro Celso Rodríguez, mantiveron esta semana unha reunión de traballo con Esperanza Martínez, Mª Josefa Rodríguez e Antonio González, representantes da directiva de Fibromiño.
O alcalde, Roberto Carrero, sinalou que “o Concello da Guarda está firmemente comprometido co apoio ás entidades que traballan cada día polo benestar das persoas” e convidou a toda a veciñanza “a participar neste acto que nos axudará a comprender mellor a realidade da fibromialxia e a apoiar a quen a padece.” Carrero tamén quixo destacar “a gran labor social que realiza Fibromiño desde hai máis dunha década, non só acompañando aos doentes, senón tamén loitando polos seus dereitos, promovendo a investigación e sensibilizando á sociedade.”
Fibromiño é unha asociación sen ánimo de lucro con sede na Guarda que leva desde 2011 traballando para mellorar a vida das persoas afectadas por fibromialxia e outras enfermidades reumáticas e crónicas como o lupus, a fatiga crónica, a osteoporose ou o síndrome de pernas inquietas. Na actualidade, conta con máis de 120 persoas asociadas, boa parte delas veciñas da Guarda.