Trámites sen colas nin desprazamentos: o servizo VIDOC da Policía Nacional fixo a súa primeira parada na Guarda
O Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional chegou hoxe á Guarda, permitindo expedir o DNI e o pasaporte nun só día e evitando desprazamentos a outras localidades.
Un total de 25 veciños e veciñas tramitaron hoxe o seu DNI e/ou pasaporte na praza do Reló. A demanda foi tal que xa se cubriron 25 citas previas para a próxima data, que será o 23 de maio.
O alcalde, Roberto Carrero, valorou moi positivamente esta primeira xornada. “Queremos facilitar a vida diaria da nosa veciñanza e esta é unha medida concreta que vai nesa dirección”, explicou. “Sabemos que moitas persoas maiores ou familias con nenos pequenos teñen dificultades para desprazarse a Vigo ou Tui para renovar estes documentos. Agora teñen este servizo na casa, á porta do Concello, cun sistema rápido e eficiente”.
Durante a xornada, o alcalde recibiu ao comisario da Comisaría Local de Vigo-Redondela, Miguel Ángel Díaz, e á secretaria xeral, a inspectora Esther Arén, quen presentaron a unidade e a súa operativa. Recepción que quedou plasmada no libro honra do Concello.
O comisario Miguel Ángel Díaz destacou que “o obxectivo é achegar este servizo a toda a cidadanía, tamén nas vilas máis pequenas e no rural. Está tendo moi boa acollida. Obxectivamente, é un servizo rápido, eficaz, e no mesmo día complétase todo o trámite”.
Pola súa banda, a inspectora Esther Arén sinalou que “a gran novidade é que agora se pode facer o DNI e o pasaporte ao mesmo tempo, nunha soa visita. É un servizo moi reclamado pola xente maior, que moitas veces depende de familiares para achegarse a unha comisaría. Agora téñeno dispoñible no seu propio concello, e nun só día”.
O horario de atención do VIDOC é de 9:30 a 12:30 h, sempre con cita previa. A próxima quenda xa está completa, pero o 27 de maio ábrese a solicitude de cita para as próximas visitas, que serán o 5 e o 23 de xuño. Pode solicitarse de forma presencial no mostrador de información da planta baixa do Concello ou chamando ao 986 61 00 00.
Entre as persoas que acudiron hoxe a facer os seus trámites estaba Manuel, veciño da Guarda, quen subliñou que “é un servizo moi bo para os pobos que estamos afastados das cidades. É moi cómodo. Evitas ter que desprazarte varias veces a Vigo ou a Tui”.