O Concello agradece a participación das asociacións na campaña «Decora o teu Nadal»
A concelleira de Cultura e o alcalde recibiron o pasado luns ás asociacións colaboradoras para expresarlles o seu agradecemento.
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Cultura, Elena Baz, recibiron o pasado luns 8 de xaneiro na Casa dos Alonso a tódalas asociacións que participaron na campaña «Decora o teu Nadal», nun encontro no que quixeron entregarlles un pequeno agasallo en recoñecemento do labor realizado coa decoración das nosas prazas e rúas.
Os responsábeis municipais agradeceron publicamente o esforzo e traballo que hai detrás das decoracións, subliñando a importancia deste tipo de iniciativas, nas que as veciñas e veciños da vila se implicna activamente na decoración urbana. Esta iniciativa, que se celebra por terceiro ano consecutivo, sumou novos participantes, dobrando a participación de anos anteriores, cun total de 12 asociacións que decoraron diferentes puntos do municipio, dende Salcidos ata o Porto.
O rexidor municipal destacou a importancia do asociacionismo guardés, polo seu amplio número e variedade e a intensa actividade que realizan, sendo as protagonistas de gran parte da programación cultural municipal.
«Decora o teu Nadal»
A campaña «Decora o teu Nadal» proponlle as asociacións decorar diferentes enclaves a base de elementos de refugallo, dándolles visibilidade e protagonismo na organización e decoración urbana. As asociacións participantes nesta edición foron: A.C. Xamaraina (Praza de Salcidos), Avelaíña (Praza do Coruto), Sporting Guardés (Alameda), Rock’n’rolla (Centro de Saúde), Mulleres Progresistas (Centro Cultural), San Xerome (Rúa Galicia), Cruz Vermella(Praza da Igrexa), Sociedade Atlética do Trega (Atrio da igrexa), Agrupación Cultural Guardesa (Antigo colexio Sinde), U.D. A Guía (Praza da Guía), Coro Infantil Somascos (Praza de San Benito) e Vento Mareiro (Praza do Reló).
A esta activa participación hai que sumarlle o traballo e esforzo realizado polos comerciantes da vila; a asociación AGUDE, que en colaboración cos centros de ensino, realizou as zorras que alegraron as nosas rúas; e ACIGU, responsable do nacemento que lucíu na Alameda. Entre todos traballaron por ter unha vila rebosante de decoración de Nadal.