O Concello da Guarda instala unha nova marquesiña na parada de autobús da Gándara
O Goberno municipal esixirá o reintegro do custe da instalación á Xunta de Galicia, titular da estrada PO 552 na que se atopa a marquesiña da Gándara.
As veciñas e veciñas da Gándara xa contan cunha nova marquesiña na que acubillarse da choiva e o frío, ou simplemente sentarse, mentres agardan o autobús na parada situada na estrada PO 552. O Concello da Guarda instalou fai unhas semanas a nova marquesiña, que vén a substituír as ruínas da antiga cuberta pola que a veciñanza emprendeu unha mediática campaña para esixir a súa reposición.
A instalación, situada na estrada de titularidade autonómica, foi asumida polo Concello da Guarda como resultado da «pasividade e indiferenza amosada pola Xunta de Galicia», segundo explica o concelleiro de Tráfico, Paulino Rodríguez. Ao respecto, o edil lembra que a Dirección Xeral de Mobilidade recibiu un escrito urxindo a reparación da cuberta xa en marzo de 2017, petición que se repetiu en novembro de 2017 e en marzo deste ano. A entidade dependente da Xunta informou, en resposta, que a cuberta non podería instalarse ata o verán-outono de 2018.
Agora, o Goberno municipal solicitará á institución autonómica ó reintegro dos preto de 4.000 € invertidos na marquesiña, da que xa pode gozar a veciñanza do municipio.