Deu comezo a reparación da pasarela da Senda Litoral da Guarda tras os desperfectos causados polos pasados temporais
Este xoves, día 6 de abril, deron comezo as obras para reparar os tramos da pasarela da Senda litoral da Guarda que se viron afectados polos temporais que sufriu a costa da vila nos pasados meses de inverno.
Nesta mañá o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español desprazáronse ata os lugares nos que Costas deu comezo a estas reparacións para ver o estado e progresión das mesmas.
Desde o Concello pídese paciencia durante as obras e infórmase de que nos vindeiros días estará cortado o paso dende o Soiás ata o Puntal. Rógase aos veciños que desculpen as molestias durante a consecución destas obras, necesarias para recuperar a Senda Litoral da Guarda para que poida ser desfrutada nos vindeiros meses por veciños, veciñas e visitantes.
Reparación do acceso ás praias
Á súa vez o Concello está realizando obras de reparación das pasarelas de acceso ás praias, nas que a actuación máis importante é a renovación da pasarela do Muíño. Esta obra estase realizando con cargo a unha subvención de Medio Ambiente en dúas anualidades: no mes de novembro fíxose a primeira parte da actuación e agora, antes de Semana Santa, acométese a segunda. Esta encádrase dentro das actuacións en prazas, camiños, sendas e espazos públicos que o Concello está a realizar para a vindeira semana na que se espera unha gran afluencia de visitantes.