O alcalde da Guarda reitera a solicitude para ter unha xuntanza coa Conselleira Beatriz Mato sobre a demanda dun auditorio para a vila
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, vén de enviar unha carta á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato para reiterar a súa solicitude para manter un encontro en datas próximas.
Neste escrito volve a solicitar unha xuntanza coa Conselleira, como xa fixera no pasado mes de decembro, sen obter resposta. O alcalde espera que sexa posible cadrar unha data para manter unha reunión na que se retome o proxecto da construción dun auditorio para a vila, asunto de máxima importancia tanto para os veciños e veciñas da Guarda como para o propio equipo de goberno.
Dende o Concello esperan que este novo escrito si teña resposta e poder manter en breve o desexado encontro, co que por en marcha un proxecto que poda dar resposta a unha das demandas máis importantes dos guardeses e guardesas.