ESTE SÁBADO CELÉBRASE A SEXTA ANDAINA QUE PERCORRERÁ A “FRAGA DE COIRO” EN CANGAS
Este sábado, día 12 de setembro, retómanse as andainas organizadas polo Concello da Guarda. Nesta ocasión, a actividade percorrerá a “Fraga de Coiro”, na localidade de Cangas.
A saída para esta andaina é as 8 horas dende a explanada da Sangriña. Dende este punto o autobús trasladará ós participantes ata o porto de Cangas, lugar dende onde comezará a andaina. Alí, e tras atravesar varias rúas do centro da vila a pé, os participantes chegarán ata a Igrexa de Coiro.
Dende aí os camiñantes continuarán a ruta ata o miradoiro de Ermelo, que ofrecerá ós participantes unha fermosas panorámicas das rías do norte. Pasado o pobo de Ermelo a ruta segue cara ó monte de Paralaia onde a vista da ría de Vigo sorprenderá moito ós camiñantes. Xa dende aquí, por un antigo camiño, baixarán cara a vila de Moaña, entrando pola Igrexa de San Martiño, declarada patrimonio nacional.
O autobús de volta á Guarda sairá dende o porto de Moaña, e a hora de volta aproximada serán as 20 horas.
Nesta ocasión a andaina, que conta cunha distancia de 16 quilómetros e un nivel de dificultade medio, contará coas indicacións do guía Ramón Varela.