O Alcalde da Guarda recibe ás subcampionas da Liga Guerreras Iberdrola
• O Salón de plenos foi o lugar elixido para dar os parabéns polo subcampionato acadado e desexar sorte ás xogadoras, equipo técnico e directiva na Copa da Raíña
O mércores 19 de maio o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu a recepción oficial ás xogadoras, equipo técnico e directiva do Atl. Guardés por parte do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e da Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes.
Para Antonio Lomba acadar o subcampionato de liga é un logro histórico para “o noso equipo” e é preciso que o Concello da Guarda así o transmita ao club e ao resto de veciños e veciñas da vila, neste momento intenso de competición por estar ás portas da fase final copa da Raíña.
Para o alcalde ter na Guarda un grupo de deportistas de élite que serven de referente para a xente xove é un dos desexos de toda persoa preocupada pola xuventude e o deporte. Indicou o edil que despois dunha tempada atípica por mor da pandemia da covid-19, o “xogador” que é a afección soubo apreciar o traballo realizado polo club. Rematou a súa intervención felicitando o Subcampionato de Liga e desexando moita sorte na copa da Raíña.
Montserrat Magallanes destacou que dende xa moitos meses desexábase facer esta recepción, pero a pandemia non deixou cabida para facelo, e neste intre o Guardés soubo trasladar “un sentimento”, que foi tamén o lema elixido polo club nesta tempada, cunha alegría que se traslada tamén á afección guardesa.
O acto rematou cunha entrega de agasallos ao club, xogadoras, equipo técnico e directiva, así coma un agasallo do club ao alcalde e á concelleira de deportes.