O Concello da Guarda e o grupo de gaitas da 3ª idade participarán no Desfile de San Patricio de Madrid
A Guarda contará con representación no gran Desfile de San Patricio de Madrid 2025. O Grupo de Gaitas de Pensionistas e da 3ª idade da Guarda participará nesta terceira edición do desfile que percorre a Gran Vía madrileña.
Un total de 37 membros do grupo, con idades comprendidas entre os 59 e os 86 anos, desprazaranse a Madrid a próxima fin de semana. María Ángela, unha das pandereteiras, describe este evento como “un orgullo, xa que A Guarda non queda só en pasarrúas locais, senón que imos a un evento estupendo”.
O Concello da Guarda colabora co grupo de gaitas para poder aproveitar esta oportunidade. Ademais, o alcalde, Roberto Carrero, e os concelleiros, Óscar Alonso e Isabel Guisande, acudiron a un dos seus últimos ensaios para transmitirlle o seu apoio e coñecer máis detalles sobre esta importante actuación.
O seu profesor, Edu Rodríguez, recoñece o traballo destes músicos: “xa lles levo dicindo hai moito tempo que é un mérito enorme o que fan, o traballo que fan; á súa idade é moito máis complicado, pero como teñen moitas ganas, gústalles moito e imos a desfrutar, por iso imos alá”.
Como indicaba Margarita, outra das pandereterias, “nós vimos a ensaiar, cada un cando pode, pero vimos con ilusión e estamos moi agradecidos de poder ir a Madrid”.
O desfile dará comezo ás 17:00h o próximo sábado 15 de marzo na Gran Vía de Madrid, e será o máis multitudinario dos celebrados anteriormente, con 40 bandas conformadas por máis de 1000 persoas e uns 600 gaiteiros.