O Concello da Guarda mellora a accesibilidade da Rúa Baixo Muro para por en valor a Muralla Medieval
Dende fai anos o Concello da Guarda traballa na mellora da accesibilidade da Rúa Baixo Muro da Guarda, unha rúa na que se atopa un dos elementos patrimoniais característicos do casco histórico da vila como é a Muralla Medieval.
En febreiro deste ano recibiuse, por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a aprobación do Informe ambiental estratéxico para a modificación puntual nº5 do Plan Xeral de Ordenación Urbana(PXOU), que permitirá a conexión da Rúa Baixo Muro coa Rúa Ireira.
Este Informe permite continuar coa tramitación para que esta actuación sexa unha realidade, permitindo por unha banda, mellorar a accesibilidade desta zona do casco histórico, unha zona con fortes desniveis con escaleiras, pondo en valor por outra banda, un elemento moi importante do patrimonio da vila da Guarda. Ademais esta actuación permitirá mellorar o acceso a unha boa parte da poboación á zona comercial.
Nesta actuación contémplase a expropiación forzosa de parte dunha parcela para realizar a apertura viaria mediante o derrubo dunha edificación auxiliar anexa a unha vivenda de dúas prantas, pasando a formar parte do sistema viario.