Presentación da -Baixo Miño Enduro Experience-
A Casa dos Alonsos acolleu o pasado xoves día 28 de marzo a presentación da primeira proba de Enduro da zona, a “Baixo Miño Enduro Experience”, unha proba deportiva na que se combina a habilidade técnica do DH(Descenso) e a resistencia física do XC(Rally), que terá lugar este domingo día 7 de abril.
No acto de presentación estiveron presentes o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Concelleiro de Deportes, Xavier Crespo e representantes do Clube Ciclista Insitu, organizadores desta proba deportiva.
Durante o percorrido desta proba os participantes terán que superar desniveis considerables (ata 1200m de desnivel acumulado) , alternando tramos de enlace con tramos cronometrados entre as localidades da Guarda e do Rosal, cun percorrido total duns 28km.
A “Baixo Miño Enduro Experience” é unha proba puntuable no Open de Galicia de Enduro e ten a particularidade de ter 5 tramos cronometrados cun percorrido que se realiza nun entorno idílico para a práctica da disciplina de Enduro, cunhas paisaxes espectaculares co río Miño, a Costa e o Porto da Guarda, os Castros de Santa Trega, o Rosal e os seus viñedos e a desembocadura do Miño.
Os participantes sairán ás 8:30h dende a Alameda da Guarda para dirixirse ata o Monte Terroso, onde realizarán os primeiros catro tramos cronometrados, dende alí desprazaranse ata o Monte Santa Trega, onde realizará o tramo cronometrado final, rematando este na rúa de Circunvalación ao Monte Santa Trega e dirixíndose despois á Alameda da Guarda, onde terá lugar a entrega de premios.
Agárdase unha participación que podería roldar os 200 participantes.
Tag:A Guarda, baixo miño, Ciclismo, Deporte, enduro, experience