O Concello fai entrega dos premios ós gañadores da última edición da ruta gastronómica “Tapearte”
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, fixeron entrega dos recoñecementos á mellor tapa e ó aperitivo máis degustado, nun acto celebrado no salón de plenos do Concello esta mañá.
A propietaria do restaurante Xantar, Isabel Urgal, recolleu o diploma no que se recoñece a singularidade da súa participación nesta ruta gastronómica como o establecemento hosteleiro que serviu o maior número de tapas durante as fins de semana do 19 de maio ata o 18 de xuño. Polo súa parte, Manuel Alonso, dono do restaurante La Pizzicata, recolleu o diploma que da conta da súa condición de gañador do Concurso á Mellor Tapa nesta última edición, por ser o aperitivo mellor valorado entre os participantes da ruta.
Amais dos recoñementos ós establecementos hosteleiros, o concello agasallou a aqueles que participaron na ruta en condición de comensais. Así, as 32 persoas que conseguiron un mínimo de 15 selos no seu pasaporte Tapearte 2017- isto é, que probaron cando menos esa cantidade de tapas en distintos establecementos- recibiron un pack formado por un reloxo e un bolígrafo do deseñador Antonio Miró.
Igualmente, fíxose entrega de 18 agasallos, compostos por unha mochila ou un mini altavoz, ás personas gañadoras do sorteo que se realizou o pasado xoves 6 de xullo, entre os participantes cuxo pasaporte contaba cun mínimo de 7 selos.
Tag:gastronomía, Premios, tapas, tapearte