O Concello iniciou os traballos de limpeza das praias e areais da Guarda a comezos de abril
Unha vez rematado o inverno e superados os diversos temporais que sufriu o litoral guardés, achégase o bo tempo e a época de praia á Guarda. Neste semana espérase unha gran afluencia de visitantes e a vila xa leva días preparándose para elo.
O Concello empezou nos primeiros días deste mes de abril os traballos de limpeza das súas praias e areais. Estas tarefas están sendo realizadas por 4 operarios de limpeza de praias, que foron contratados polo Concello da Guarda grazas a unha subvención encadrada na Liña 3 (emprego para conservación e funcionamento de ben e servizos municipais) do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Esta actuación permitirá que guardeses, guardesas e os visitantes que se acheguen nos próximos días e durante a época de primavera-verán podan desfrutar dos tesouros naturais da vila nas mellores condicións posibles.