O Porto da Guarda acolle este sábado a regata XXI Bandeira Concello da Guarda – Memorial Antonino Torrón
O mércores 16 de marzo presentouse ante os medios de comunicación a regata XXI Bandeira Concello da Guarda – Memorial Antonino Torrón, acto ao que asistiron Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes; Fernando Rodríguez Freitas, representante da Xunta Directiva do Clube de Remo Robaleira e Jesús Manuel Pérez Martínez, representante de ORPAGU – patrocinador principal do Clube de Remo Robaleira.
A regata XXI Bandeira Concello da Guarda – Memorial Antonino Torrón disputarase na xornada do sábado día 17 de marzo a partires das 16:00h no Porto da Guarda. Trátase dunha regata de bateis encadrada na liguilla da zona sur e na que participan diversos equipos do Grove, Bueu, Cangas, Moaña, Vigo e Redondela.
Na proba, aberta para todas as categorías dende alevín ata senior, ademais de medallas para os tres primeiros de cada categoría, dispútase a Bandeira, o premio máis relevante, á que se concursa por puntos, sendo o equipo con máis e mellores postos o gañador da bandeira.
A Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, valorou moi positivamente a celebración deste evento deportivo na vila, un evento que congregará a máis de 350 deportistas en 70 tripulacións nas diferentes categorías de competición.
Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, confirmou a súa asistencia á entrega de premios, que terá lugar a partires das 18:30h no Paseo Marítimo do Porto da Guarda
Dende o Concello da Guarda e dende o Clube de Remo Robaleira, convídase a toda a cidadanía guardesa e visitantes a animar aos deportistas nesta xornada no Porto da Guarda.
Tag:A Guarda, antonino torron, Deporte, regata, Remo