Presentación da Festa da Langosta da Guarda foi acollida en Madrid por Martínez-Almeida
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, xunto co tenente alcalde, Óscar Alonso, e dous representantes de restaurantes locais desprazáronse ata Madrid para presentar unha das festas máis recoñecidas da vila, a XXXII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. O acto tivo lugar na Casa de Galicia de Madrid, onde foron acollidos polo seu director, Javier Vázquez.
Máis de 100 persoas achegáronse á Casa de Galicia, sendo o acto máis asitentes desta institución neste ano. Todos puideron comprobar a calidade dos produtos que se ofertarán na festa: a protagonista, a langosta, mais tamén a rosca de xema, percebes, viño do Rosal… Entre os invitados estaban autoridades como Marta Rivera de la Cruz, exconselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Comunidade de Madrid; diversos membros do gabinete de Madrid, e numerosos profesionais relacionados co sector turístico e gastronómico, moitos dos cales descoñecían a vila e a súa festa e quedaron sorprendidos pola súa beleza.
Roberto Carrero presumiu dos encantos guardeses, tanto das súas paisaxes e historia como da súa xente. Tamén quixo recordar a todas aqueles galegos que viven en Madrid e regresan cada ano durante as súas vacacións. Para rematar a súa intervención, invitou a todos a visitar A Guarda, xa que “A Guarda e a súa festa deixan pegada”.
Pola súa parte, o alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida exerceu como padriño desta edición, e dedicou numerosos eloxios á vila galega. Almeida confesou que tras realizar todas as rutas do Camiño de Santiago, a que máis desfrutou foi precisamente a que comezou desde A Guarda ata Mougás. Ademais, agarda volver á vila para desfrutar de novo da súa gastronomía.
A tradicional cita gastronómica celebrarase os días 5, 6 e 7 de xullo no porto da Guarda. E, como cada edición, a langosta estará acompañada doutros excelentes produtos do mar e gastronomía local. A parte da oferta gastronómica, a oferta cultural e de entretemento será ampla para acompañar eses días no porto guardés. Ao longo do mes iranse coñecendo as actividades e actuacións que se agardan para esa fin de semana.