Visitas especiais no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega para os próximos domingos
Coincidindo coa apertura do Museo Arqueolóxico e a exposición do Cabezón do Trega ofrécense os próximos catros domingos unha visita guiada para coñecer a evolución da campaña de escavación que ten lugar no sector de Mergelina.
En agosto de 2015 comezou a campaña de escavación dirixida polo arqueólogo Rafael Rodríguez no sector de Mergelina. Esta actuación foi promovida pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento dentro do protocolo da posta en valor dos xacementos Galaico-romanos de 18 castros na provincia de Pontevedra.
Despois de meses de traballo xa é visible a evolución desta campaña que permitirá coñecer unha parte deste castro que ofrece respostas e tamén algunhas incógnitas sobre este poboado.
Nestas visitas especiais organizadas polo Padroado do Monte Santa Trega e o Concello da Guarda, o guía realizará unha visita de 80 minutos de duración onde amosará o urbanismo deste sector percorrendo este espazo. Grazas a esta escavación son visibles unhas 40 estruturas, algunhas delas poderían ser espazos familiares e outras espazos de uso público, como lugares de reunión. Ó longo destes meses se recolleron unhas 40.000 pezas que están sendo estudadas e que permiten coñecer a forma de vivir dos habitantes deste castro. Ademais grazas a estes estudos das pezas e o urbanismo permite asegurar que o Castro ten unha datación anterior a considerada nas anteriores campañas.
O número de participantes será reducido porque a visita percorrerá o espazo que aínda se atopa en estudo. Así é preciso reserva praza contactando co Museo Arqueolóxico, MASAT, no tel. 690017038 en horario de 11,00 a 17,00h. Pódese escoller entre dúas quendas: ás 11.00 h e ás 12.45 h. O punto de encontro é a Casa Forestal . As datas a escoller son os catro próximos domingos: 21 e 28 de febreiro e 6 e 13 de Marzo.
Esta é unha excelente oportunidade para coñecer a evolución da escavación arqueolóxica no sector de Mergelina despois duns 30 anos sen escavacións no Castro de Santa Trega.