O CIM con motivo do Día Internacional da muller presenta a obra “As do peixe”
O Centro de Información á Muller do Concello da Guarda participa en diferentes actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo.
Unha destas iniciativas é a representación teatral da obra “As do Peixe”, que terá lugar no Centro Cultural o día 11 de marzo ás 20,30 horas. Este espectáculo conta a vida de catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, a man de obra barata dunha industria que, ao longo do tempo e da xeografía, acabou por facer parte da paisaxe emocional do noso país.
Estas catro mulleres representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.
A representación é divertida, reflexiva e tamén reivindicativa, porque así eran aquelas mulleres.
A entrada é de balde ata completar o aforo polo que para acceder, se deberán recoller con anterioridade as entradas, no Centro Cultural ou no Centro de Información á Muller (ao lado do Xulgado de Paz).
Outra das actividades organizadas é a representación de “As nosas chabolas” coa colaboración da Agrupación “Coiro Vello”.
Neste acto recrearase a vida nas chabolas mariñeiras da Guarda.
A cita é o sábado 19 de marzo, ás 20:00 horas no Centro Cultural da Guarda.