A Guarda estrea parque de calistenia e melloras no seu equipamento deportivo
O recinto do Centro Cultural conta, dende hai unhas semanas, cun novo parque de calistenia para a práctica de exercicio físico ao ar libre. Esta nova instalación responde á demanda dos mozos e mozas guardeses interesados na realización desta popular disciplina deportiva baseada no exercitación de todo o corpo facendo uso do propio peso.
Así, os elementos instalados xunto ao emblemático edificio guardés permitirán a veciños e veciñas do municipio adestrar a súa musculatura e desenvolver a súa flexibilidade, forza física e axilidade a través de exercicios simples aptos para todo o público.
Esta actuación, cun custe total próximo aos 5.000€, levouse a cabo co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.
Mellora de equipamentos
O Concello da Guarda tamén ven de emprender actuacións de mellora do parque biosaudable e a zona de xogo infantil instalados no recinto do Centro Cultural. Nesta liña, foron reparados e/ou substituídos os elementos deteriorados destas zonas deportivas e de ocio, que permiten a persoas de diferentes idades realizar actividade física ao ar libre.
Amais destas accións, e tamén contando co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos, o pavillón municipal conta cun novo marcador e o pavillón da Sangriña, cun novo xogo de canastras abatibles. O investimento total en equipamento deportivo ascende a preto de 29.000€.