O SEVIC comezará as súas visitas informativas polos comercios da Guarda
A partir do 20 de febreiro, o Servizo de Vixilancia, Inspección e Control (SEVIC) da xestión de residuos realizará visitas con fin de informar e formar aos produtores de residuos para recadar toda a información que permita avaliar a correcta separación dos residuos.
Con estas visitas, este servizo quere axudar ao sector servizos e aos comercios a cumprir coas obrigas da Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular. O SEVIC foi creado pola Deputación de Pontevedra para colaborar cos 16 concellos adheridos para a supervisión dos residuos domésticos e comerciais.
Nestas visitas entregaranse guías, darase información e pautas e ofrecerase un contacto telefónico para resolver dúbidas.