O Alcalde da Guarda recorda nun Bando a necesidade de manter as fincas nun estado adecuado de limpeza
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de emitir un Bando Municipal para recordar a todos os veciños e veciñas do municipio a necesidade de manter as condicións de seguridade e ornato das fincas existentes no concello da Guarda ante a ameaza da propagación de incendios forestais que se produce no período estival.
O edil recorda neste bando que é do máximo interese que as leiras e solares se atopen nun adecuado estado de limpeza e coa masa forestal rozada, tendo en conta tamén que como veciños e veciñas, «temos o deber de cumprir coas nosas obrigas para facilitar a convivencia tranquila e pacífica entre todos.»
Neste senso, quen teña en propiedade terreos, construcións, edificios e instalacións, deben cumprir cos requirimentos que marca a lexislación vixente:
• Os propietarios dos terreos teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 m arredor de calquera núcleo de poboación, edificacións, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e instalacións industriais situados a menos de 400 m do monte.
• Nesa mesma franxa de 50 m non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira da lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (piñeiro, mimosa, acacia, eucalipto, xesta, silva, toxo, …).
• Deberase proceder á xestión da biomasa no ámbito municipal para protexer os núcleos de poboación, edificacións, equipamentos e infraestruturas, antes do 31 de maio de cada ano.
Dende o Concello solicitamos a colaboración de toda a veciñanza, lembrando que, no caso de incumprir o establecido na lexislación, o Concello poderá optar, segundo os casos, pola execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo o custo da mesma nos titulares das fincas, pola imposición de multas coercitivas entre 120 e 10.000 euros, e mesmo, por financiar a execución de talas coa posible venda das especies ilegais; todo iso sen prexuízo de proceder á apertura do correspondente expediente sancionador.