A Guarda mellora o pintado das estradas en busca de maior seguridade
O Concello da Guarda pintou diversas estradas e puntos da vila, onde o desgaste e o paso dos vehículos desgastara a sinalización viaria.
Unha das principais accións foi a mellora do pintado na Rúa Manuel Álvarez e Carretera Circunvalación, sobre todo, no cruce coa costa da Rúa Enrique María Sesto. Aquí, pintáronse tamén unhas novas franxas vermellas para advertir aos condutores da obrigación a realizar o STOP.
“Precisamente este punto era a orixe de moitos problemas de circulación, sobre todo durante o verán, cando moitos condutores turistas e descoñecedores das rúas, non realizaban a parada para deixar pasar aos coches que subían”, explica o alcalde da Guarda, Roberto Carrero. “Con esta nova sinalización, pretendemos reducir estas situacións de perigo”.
Ademais, engadíronse prazas de aparcamento de zona azul na Rúa Ourense e mellorouse a sinalización de liñas amarelas noutros puntos da vila, como na Avenida Fernández Albor ou no aparcamento da Rúa Brasilino Álvarez Sobrino, entre outras.
Coa renovación da pintura das estradas búscase unha sinalización máis clara para condutores e peóns, para mellorar a seguridade viaria de todas e todos. Desde a Policía Local da Guarda recordan tamén o respecto das liñas amarelas, zonas de carga e descarga para mercancías, de aparcamento de zona azul e de mobilidade reducida para favorecer á convivencia de vehículos e persoas.



