As obras da piscina municipal da Guarda avanzan para conseguir unha infraestrutura referente na comarca
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e o concelleiro de Vías e Obras, Isidro Lomba, visitaron a piscina municipal para comprobar os avances das obras de rehabilitación integral.
As obras atópanse na fase de derrubamento e escombros, cunhas instalacións da piscina municipal xa pouco recoñecibles. A piscina pechouse no mes de decembro para dar comezo a esta renovación total, que fará que permaneza pechada durante o 2026.
Destaca a rehabilitación enerxética, reducindo nun 78% o seu consumo. Para iso procederase á instalación de paneis fotovoltaicos, dun novo sistema de climatización por aerotermia, do sistema de illamento térmico exterior (SATE), do sistema hidráulico e tratamento da auga, así como ao cambio de toda a iluminación por tecnoloxía LED de baixo consumo.
As instalacións deportivas tamén sufrirán cambios e melloras importantes cunha piscina pequena, un baño turco e a renovación do ximnasio, zona de spa e de vestiarios. En todos os espazos, garántese a accesibilidade universal, eliminando barreiras arquitectónicas e realizando melloras en accesos e equipamentos adaptados.
Deste xeito, a renovación da piscina municipal permitirá un servizo deportivo e de saúde accesible durante todo o ano, non só para os habitantes da Guarda, senón que tamén para os da súa comarca, sendo a única piscina cuberta pública do Baixo Miño.




