O XXV Torneo de Xadrez Concello da Guarda reunirá este sábado a máis de 200 participantes
O Club de Xadrez Albatros organiza este sábado, 6 de xuño, a partir das 10:30 horas o XXV Torneo de Xadrez Concello da Guarda, que terá lugar na contorna do Colexio As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campos.
Esta competición forma parte do XIX Circuíto Galego de Xadrez de Promoción 2026, impulsado pola Federación Galega de Xadrez, e volverá converter A Guarda nun punto de encontro para centos de afeccionados e practicantes deste deporte procedentes de diferentes puntos da comunidade.
Como vén sendo habitual, espérase a participación de máis de 200 xogadores e xogadoras de toda Galicia. O torneo contará con categorías infantís dende Sub-8 ata Sub-14, favorecendo a promoción do xadrez entre os máis novos e consolidándose como unha referencia dentro das competicións de base.
Ademais, o Club de Xadrez Albatros manterá unha categoría destinada a persoas adultas, permitindo a participación sen necesidade de dispoñer de ficha federativa. Deste xeito, a xornada ofrecerá unha proposta aberta na que tanto os máis pequenos como os maiores poderán desfrutar da competición e da convivencia arredor do xadrez.
Ao remate do torneo, e tras a correspondente entrega de trofeos por parte das autoridades asistentes, realizarase un sorteo gratuíto con agasallos entre todos os rapaces e rapazas participantes.
Esta edición terá, ademais, un significado especial para a entidade organizadora. O Club de Xadrez Albatros celebra este ano o trinta aniversario da súa fundación, unha efeméride que quere compartir con todas as persoas que forman parte da súa historia. Con motivo desta celebración, elaboráronse unhas camisetas conmemorativas que servirán para lembrar unha data tan sinalada e para poñer en valor tres décadas de promoción e difusión do xadrez na Guarda e na comarca.



