
O Concello da Guarda prohibe temporalmente o baño na praia da Armona por contaminación microbiolóxica
O Concello da Guarda informa da prohibición temporal do baño na praia da Armona tras recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade na que se indica que a última mostra de auga recollida neste areal presenta unha contaminación microbiolóxica que supera os límites establecidos para autorizar o baño.
Ante esta situación, e co obxectivo de garantir a seguridade e a saúde das persoas usuarias, o ente municipal procedeu á prohibición do baño nesta praia, medida que xa está en vigor dende hoxe, 10 de xullo, e ata novo aviso.
A restrición manterase ata que se coñezan os resultados da contraanálise e se confirme que a calidade da auga volve situarse dentro dos parámetros permitidos pola normativa vixente, permitindo así o baño en condicións de seguridade.
O Concello da Guarda informará da evolución desta situación e comunicará o levantamento da prohibición tan pronto como a Consellería de Sanidade confirme que a calidade da auga é apta para o baño.


