
O Concello da Guarda insiste na necesidade de facer un uso responsable da auga da traída ante o elevado consumo e a situación de seca
O Concello da Guarda fai un novo chamamento á responsabilidade cidadá para reducir o consumo de auga da rede municipal, ante a persistencia duns rexistros de consumo moi elevados nas últimas semanas e a previsión dunha situación de seca que podería agravarse nos vindeiros meses.
Na actualidade, o consumo medio diario sitúase arredor dos 3,5 millóns de litros, unha cifra moi superior á habitual e que está a dificultar a recuperación dos niveis dos depósitos municipais. Esta situación levou ao Concello da Guarda a adoptar diferentes medidas de aforro e a intensificar as recomendacións dirixidas á veciñanza para promover un uso responsable da auga da traída.
Nas últimas semanas emitíronse diversos comunicados nos que se solicitaba evitar usos non prioritarios da auga potable, como o enchido de piscinas ou a rega de xardíns con auga da rede municipal. Porén, ao comprobar que o consumo continuaba en niveis elevados, procedeuse tamén ao peche das fontes públicas, dos lavapés das praias e á suspensión da rega dos espazos verdes municipais, co obxectivo de contribuír á redución do consumo.
Ademais, para garantir os traballos de limpeza viaria e o baleirado de rúas, o Concello está a contar coa colaboración da Comunidade de Montes de Salcidos, que cede a captación de auga do seu propio depósito. Trátase dunha auga non potable e non apta para o consumo humano, destinada exclusivamente a estes servizos municipais, permitindo así preservar os recursos da rede de abastecemento.
A esta situación súmase a comunicación recibida esta semana por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, na que se advirte da evolución da situación hidrolóxica e da necesidade de adoptar medidas preventivas de aforro ante a previsión de escasas precipitacións nos vindeiros meses e o risco de seca.
Neste contexto, o Concello lembra que a colaboración da veciñanza resulta fundamental para evitar que sexa necesario adoptar medidas máis restritivas, como limitacións no abastecemento ou cortes puntuais de auga.
Os depósitos municipais atópanse actualmente en niveis sensiblemente inferiores aos habituais para esta época do ano e o elevado consumo diario impide a súa recuperación, comprometendo a capacidade de resposta do sistema fronte ás necesidades de abastecemento.
Por este motivo, o Concello da Guarda reitera a importancia de realizar un consumo responsable da auga da traída, limitando o seu uso ás necesidades esenciais e evitando calquera consumo prescindible. A implicación de toda a veciñanza será determinante para garantir a sustentabilidade do abastecemento e minimizar o impacto dunha posible situación de seca durante os próximos meses.


