
Arranca unha nova edición de “Tecendo A Guarda”
O pasado venres deu comezo unha nova edición do curso “Tecendo A Guarda”, unha iniciativa impulsada polo Concello da Guarda que un ano máis aposta pola creatividade, os traballos manuais e a participación da veciñanza para encher diferentes espazos públicos da vila de decoracións inspiradas na identidade mariñeira e nos elementos máis representativos do municipio.
Nesta nova edición, o obradoiro presenta importantes novidades, mantendo a esencia das convocatorias anteriores, pero ampliando a súa proposta para converterse nun espazo interxeracional aberto a toda a poboación a partir dos 12 anos.
As persoas participantes poderán aprender e practicar diferentes técnicas manuais, como o ganchillo ou a reciclaxe creativa, elaborando pezas decorativas que contribuirán a embelecer distintos recunchos da Guarda ou, se así o prefiren, creando traballos para uso persoal.
Outra das novidades desta edición será a ampliación dos espazos nos que se exhibirán as creacións realizadas durante o obradoiro. Ademais das localizacións habituais, os traballos poderán verse en diferentes espazos públicos, tanto exteriores como interiores, entre eles as prazas de Avelino Vicente e da entrada a San Benito, o balcón e o interior da Praza de Abastos, así como distintas dependencias municipais.
O obradoiro desenvolverase todos os venres, de novembro a maio, en horario de 16:00 a 18:00 horas, nas instalacións do Club de Maiores, Xubilados e Pensionistas da Guarda.
As inscricións continúan abertas, polo que todas as persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa aínda están a tempo de participar. Non é necesario limitarse a unha idade concreta nin ter experiencia previa nos traballos manuais, o obxectivo é aprender, compartir e desfrutar da creación colectiva.
Para obter máis información ou formalizar a inscrición, as persoas interesadas poden contactar co Concello da Guarda a través do teléfono 986 61 00 00 (extensión 7) ou no correo electrónico informacion@aguarda.es.


