
A Guarda programa unha sesión de cinema xuvenil coa película “Menudas piezas” este sábado no Centro Cultural
O Concello da Guarda continúa coa programación cultural de outono no Centro Cultural cunha nova proposta dirixida especialmente ao público xuvenil.
Este sábado, 14 de novembro, ás 19:00 horas, terá lugar a proxección da película Menudas Piezas, nunha sesión que busca achegar o cinema e a cultura á mocidade a través de propostas adaptadas aos seus gustos e intereses.
A película, unha comedia dirixida por Nacho G. Velilla, conta a historia de Candela, unha profesora que, tras atravesar unha difícil situación persoal e profesional, regresa ao seu antigo barrio para dar clase nun instituto. Alí coñece un grupo de estudantes con dificultades e poucas expectativas de futuro aos que tentará motivar a través do xadrez. Unha historia de humor e superación que aborda cuestións como a integración, o traballo en equipo e a confianza nas propias capacidades.
A elección do filme parte do propio grupo Rede Xove do IES A Sangriña, un proxecto de participación xuvenil impulsado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda, que ten como obxectivo dar voz á xente nova, coñecer as súas inquedanzas e incorporar as súas propostas á programación e á vida municipal.
A través de Rede Xove, o alumnado participante convértese en protagonista activo, achegando ideas e iniciativas que permiten ao Concello coñecer de primeira man os intereses das novas xeracións. Esta sesión de cinema é un exemplo desa colaboración e da importancia de contar coa mocidade á hora de deseñar actividades culturais nas que se sinta representada.


