A Deputación presenta os proxectos do Plan Extra I do Baixo Miño e o Val Miñor na Guarda
Na tarde de onte, A Guarda acolleu o encontro das comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor para facer balance dos proxectos que contarán coa subvención do Plan Extra da Deputación de Pontevedra.
No caso da Guarda, o financiamento adicarase ás instalacións deportivas, onde “os nosos mozos e mozas descobren a importancia do deporte e os valores que lles aporta”, afirmou o alcalde da Guarda, Roberto Carrero.
Deste xeito, A Guarda apostará pola renovación da piscina municipal para contar cun equipamento público que ofreza os máximos estándares de calidade e modernidade ás persoas usuarias. O proxecto conta cun orzamento de 2,3M€, contando cunha subvención de 700.000€ do Plan Extra I.
Ademais, tamén se nomearon as solicitudes dos concellos para o Plan Extra II, onde A Guarda continúa apostando pola mellora das instalacións deportivas, solicitando 900.000€ para o complexo deportivo da Sangriña.
Durante o acto, cada un dos alcaldes explicou as actuacións que desenvolverán co Plan Extra I e o impacto positivo para a súa cidadanía. Desde actuacións de humanización e rehabilitacións ata proxectos de rexeneración medioambiental e de sistema de recollida de residuos.



