A Guarda volverá contar con representación no Desfile de San Patricio de Madrid
A Guarda contará con representación no gran Desfile de San Patricio de Madrid 2026. O Grupo de Gaitas da 3ª idade da Guarda participará por segundo ano consecutivo no desfile que percorre a Gran Vía madrileña; esta vez, irán acompañados coa Treboada Arroutada.
Un total de 47 membros do Grupo da 3ª idade desprazaranse a Madrid a próxima fin de semana. Para Eduardo Rodríguez, director do grupo da 3ª idade, o desfile do ano pasado foi “un acto moi importante para desfrutar da música tradicional”, e este ano, “aumentamos o número de xente, cuns dez membros máis para esta viaxe”.
A secretaria do Club da 3ª idade, Ángela Martínez, cree que é un orgullo para os socios, e para A Guarda ser recoñecida como tal e cos seus grupos de gaitas”. Ademais, lembrou que “o apoio e colaboración do alcalde é moi importante porque se non, non se podería ir”.
O alcalde acudiu a un dos últimos ensaios do grupo antes da súa marcha este venres para mostrar o seu “apoio a unha iniciativa que dá gran visibilidade á nosa vila, ademais dun orgullo de que representen e compartan a nosa cultura”.
O ensaio realizouse en conxunto coa Treboada Arroutada que viaxará con 17 membros ao desfile. O presidente da Asociación Arroutada, Óscar Barrosa, confesa que “foi un orgullo recibir a invitación do grupo da 3ª idade para ir ao desfile e así poder darlle visibilidade a unha tradición arraigada no Baixo Miño como as treboadas”.
O desfile dará comezo ás 17:00h o próximo sábado 14 de marzo na Gran Vía de Madrid, e será multitudinario con máis de 40 bandas participantes.



