Comeza o curso 2025-2026 con obradoiros teatrais no Centro Cultural
O Concello da Guarda, en colaboración coa asociación FOCO, organiza novos obradoiros de teatro para nenos e nenas de 6 a 12 anos durante o curso 2025/2026, é dicir, para o alumnado de Educación Primaria.
Serán espazos creativos, dinámicos e divertidos onde pasalo ben, desfrutar, aprender a empregar a voz e o movemento, xogar e coller confianza. Todo o mundo é benvido a unirse para facer amizades e pasalo xenial.
Os obradoiros terán lugar no Centro Cultural da Guarda, os martes lectivos do curso, de 16:00 a 17:30. Serán totalmente de balde e non é necesaria experiencia nin habilidades especiais; é unha oportunidade perfecta para aprender.
As inscricións estarán abertas do 10 ao 25 de setembro na seguinte ligazón: https://forms.gle/cDtxYSSkb7TVBt6F8 .
Ademais, en FOCO, teñen máis obradoiros dispoñibles para outras idades durante todo o curso, tamén gratuítos, nos seguintes horarios:
- De 13 a 17 anos: Os venres de 18:00 a 20:00
- De 18 a 30 anos: Os sábados de 12:00 a 13:30
- Máis de 60 anos: Os mércores de 18:00 a 19:30
Para calquera consulta, dúbida ou suxerencia podedes contactar coa OMIX da Guarda no 676 34 78 90; ou no correo electrónico info@focoeuropa.com .



