O Camiño Portugués pola Costa confirma a súa fama con case 90.000 peregrinos no 2025
No 2025, o Camiño Portugués pola Costa experimentou un aumento dun 20% respecto o 2024, tendo un total de 90.509 peregrinos. É dicir, o 16,89% dos peregrinos que chegaron a Santiago fixéronno a través deste camiño.
Os datos confirman a fama desta ruta, xa que é o camiño que máis crece con case 15.000 peregrinos máis ca o ano anterior. Resalta a súa gran internacionalización, xa que o 80% dos peregrinos e peregrinas son estranxeiros, destacando a presenza de estadounidenses (un 12,26%, 10.912 persoas) e de alemáns (un 10,6%, 9.438 persoas).
Ademais, máis de 3.850 peregrinos comezaron o seu camiño na nosa vila. Deste xeito, consolídase a posición da Guarda como punto clave do Camiño Portugués pola Costa, sendo o primeiro concello galego da ruta ao cruzar a fronteira.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, celebra os datos que “son unha mostra do esforzo e do traballo realizado a través de campañas de promoción e da presenza da Guarda en feiras de turismo e do Camiño de Santiago, como FITUR ou no encontro Miranda Jacobea”.
Os meses con maior afluencia foron setembro e maio, con 16.043 e 15.200 peregrinos respectivamente. De feito, de maio a outubro, os peregrinos do Camiño Portugués da Costa mantivéronse por riba dos 10.000 mensuais, sendo cada vez máis habitual atoparnos peregrinos polas nosas rúas.
“É un turismo crecente e máis desestacionalizado, dando traballo en meses como outubro, fóra da época turística por excelencia” resalta o alcalde. “Hai unha tendencia dos peregrinos a facer paradas máis longas no camiño para desfrutar da gastronomía e cultura dos sitios e aí A Guarda ten moito que ofrecer”.
Por iso, o Concello da Guarda continúa coa súa aposta polo turismo e o Camiño de Santiago tras un 2025 marcando cifras récord e con vista no Xacobeo 2027.



