Os Reis Magos visitan A Guarda o próximo luns 5
A Guarda recibe o próximo luns 5 de xaneiro a visita dos Reis Magos. Será unha tarde moi axetreada para as súas maxestades.
A partir das 16:30h unha pequena comitiva partirá desde a praza do Concello para facer un percorrido polas parroquias da Guarda e así todos poidan ver aos Reis Magos. A comitiva partirá da rúa Porto Rico cara o Castro, onde parará no seu parque. Dirixiranse á praza dos Seixiños e desviaranse polo Coruto Vello para parar na praciña da mesma rúa.
As Súas Maxestades desviaranse pola rúa Vigo para acceder a Camposancos, onde realizarán dúas paradas: no barrio de Saa e na praza de San Amaro. Tras este percorrido, volverán ao centro da vila, á Alameda, desde onde arrancará ás 17:30h a cabalgata.
A cabalgata contará coa participación dos grupos locais Do Lusco ó Fusco, Attitude, o grupo de gaitas da 3ª idade e Dansá. Melchor, Gaspar e Baltasar irán repartindo caramelos polas rúas Rosalía de Castro e rúa Galicia. Tras a cabalgata, as portas da Casa dos Alonso abriranse para a recepción real para que todos os nenos e nenas poidan falar cos Reis Magos antes dunha noite tan especial.
Ademais, produciranse cortes de tráfico.
Desde as 17:30h non poderán acceder vehículos polo percorrido da cabalgata, pola rúa Rosalía de Castro desde a Alameda ata a rúa Galicia á altura do cruce coa Avenida da República Dominicana. Os vehículos desviaranse por ambos lados da rúa Julia Vaquero no semáforo da rúa Galicia.
Ademais, non se poderá estacionar na rúa Rosalía de Castro desde as 11:00 horas para deixar libre o paso da cabalgata.




