Os participantes do último obradoiro infantil “Decora o teu Nadal” prepararon a Recepción dos Reis Magos
Este mércores día 28 a Casa dos Alonsos da Guarda acolleu, dende as 11’30 horas, o último dos obradoiros de decoración infantil “Decora o teu Nadal” que se veñen celebrando durante este mes de decembro na Guarda.
Este mércores día 28 a Casa dos Alonsos da Guarda acolleu, dende as 11’30 horas, o último dos obradoiros de decoración infantil “Decora o teu Nadal” que se veñen celebrando durante este mes de decembro na Guarda.
Nos anteriores obradoiros, os nenos e nenas guardeses decoraron as escaleiras do edificio do concello e a Praza de Abastos da vila. Desta volta, no último dos obradoiros organizados polo Departamento de Cultura do concello da Guarda, os participantes realizaron adornos para a Recepción dos Reis Magos. Esta terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro na propia Casa dos Alonsos, tras a Cabalgata de Reis que sairá da Alameda ás 18 horas e percorrerá as rúas da vila.
Así, grazas á súa axuda, o lugar da Recepción Real queda decorado e preparado para que as Súas Maxestades os Reis Magos reciban e escoiten aos nenos e nenas da vila.
Dende o concello convídase a todas as familias da Guarda a dar un gran recibimento ós Reis Magos na Cabalgata do vindeiro xoves 5 de xaneiro, e a acudir á posterior Recepción Real na Casa dos Alonsos, onde ademais de coñecer ás Súas Maxestades poderán apreciar os adornos realizados durante o obradoiro de onte.