O II Torneo 3X3 Interescolar, organizado polo Club Baixo Miño Basket, chega esta fin de semana á Guarda
A Guarda acolle este sábado, 30 de maio, a segunda edición do Torneo 3×3 Interescolar organizado polo Club Baixo Miño Basket en colaboración co Concello da Guarda, unha cita deportiva e de convivencia dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio.
Onte tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial a presentación oficial do evento, nun acto no que estiveron presentes o alcalde da Guarda, Roberto Carrero; o concelleiro de Deportes, Celso Fariñas, e membros da directiva do club organizador.
O campionato desenvolverase no pavillón do IES A Sangriña a partir das 10:00 horas e contará coa participación de seis equipos formados por nenos e nenas dos colexios CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere, Colexio San José – Hermanas Carmelitas A Guarda, CEIP Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo, CEIP Manuel Rodríguez Sinde e CEIP A Sangriña.
Ao longo da xornada combinarase a práctica deportiva cun ambiente lúdico e participativo, no que haberá sorteos, agasallos e concursos abertos tamén ao público asistente, entre eles o denominado “triple espectador”.
Esta iniciativa, organizada polo Club Baixo Miño Basket coa colaboración do Concello da Guarda, consolídase tras o éxito da súa primeira edición como unha proposta que fomenta os valores do deporte base, o compañeirismo e os hábitos de vida saudables entre a mocidade.
O Club Baixo Miño Basket desenvolve, ao longo de todo o ano, diferentes actividades deportivas no municipio como campamentos e torneos para todas as idades.



