
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visita o restaurante La Taba dentro da campaña de apoio ao comercio local
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, continúa visitando os distintos negocios do municipio que abren as súas portas ou inician unha nova xerencia para coñecer de primeira man os proxectos empresariais que contribúen a dinamizar a economía local e fortalecer o tecido comercial da vila.
Nesta ocasión visitou o restaurante La Taba, situado na Estrada de Circunvalación, 13; un novo establecemento de restauración rexentado por Lucas e Badka, unha parella que decidiu apostar pola Guarda para iniciar a súa aventura empresarial.
A historia de La Taba nace dunha visita ao municipio durante unhas vacacións. Namorados da contorna e da calidade de vida da Guarda, Lucas e Badka decidiron establecerse aquí e abrir o seu primeiro negocio propio. Aínda que esta é a súa primeira experiencia como emprendedores, ambos contan con máis dunha década de traxectoria profesional no sector da hostalaría, formando un tándem perfecto no que comparten as distintas tarefas do restaurante.
A súa proposta gastronómica baséase na cociña caseira, elaborando todos os pratos do menú con produtos de calidade e coidando cada detalle para ofrecer unha experiencia culinaria auténtica e próxima. A carta está organizada en diferentes capítulos, como Entrantes, Del mar, De la tierra e Postres, con elaboracións feitas integramente por eles mesmos.
O nome do establecemento tamén agocha unha curiosa historia. La Taba é unha homenaxe ao tradicional xogo das tabas, coñecido tanto por Lucas como por Badka nos seus respectivos países de orixe. Esta coincidencia serviulles de inspiración para escoller un nome que representa tanto a tradición como o encontro entre as súas diferentes culturas.
Coa apertura de La Taba, os seus propietarios buscan namorar os apetitos dos guardeses e das persoas que visitan o municipio, ofrecendo unha combinación de boa gastronomía, produtos de calidade e un trato próximo que faga sentir a cada cliente como na casa.
Durante a visita, o alcalde da Guarda felicitou a Lucas e Badka por apostar polo municipio para facer realidade o seu proxecto empresarial e destacou a importancia de iniciativas emprendedoras como esta, que contribúen a enriquecer a oferta gastronómica local e a fortalecer o tecido económico da vila.
Desexámoslles moita sorte a Lucas e Badka nesta nova etapa á fronte de La Taba!


