
“Os vellos non deben namorarse”, a macroprodución máis fiel a Castelao chega á Guarda o 7 de agosto
O Centro Cultural de A Guarda acollerá o vindeiro venres 7 de agosto, ás 20:30 horas, a representación “Os vellos non deben de namorarse”, unha das pezas máis emblemáticas do teatro galego, escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1936.
A montaxe, considerada a adaptación máis fiel realizada nunca á visión escénica orixinal do autor, chega a A Guarda da man da Asociación Cultural Gaiteiros “Os de Algures”, de Pontevedra, e virá acompañada nas horas previas dunha actividade práctica para aqueles interesados en profundizar nas técnicas teatrais con máscaras a cargo da Asociación FOCO.
A obra, dirixida por José Luis Rodríguez e Anxo Lourido, reúne sobre o escenario a preto de sesenta persoas entre actores, actrices, músicos, pandereteiras, bailaríns e equipo técnico, froito da colaboración entre Os de Algures, a Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón, Tarabelo Teatro, a Asociación de Danza e Teatro Cafuné, a Asociación Etnográfica Sete Espadelas e o grupo Fendepeles, entre outras entidades.
A través dun ton de farsa humorística, a peza narra as historias de tres vellos que viven o amor con intensidade e paixón, só para atoparse co desencanto. Castelao emprega a ironía para reflexionar sobre a condición humana, a busca da felicidade e o inevitable paso do tempo, nunha posta en escena coral onde a palabra, a música e a imaxe se combinan coa expresión popular galega, con foliadas e muiñeiras musicando as coplas do texto orixinal.
Un dos grandes atractivos da montaxe é a recuperación fiel do vestiario deseñado polo propio Castelao para esta obra: os traxes, reproducidos por Sete Espadelas a partir dos debuxos, pinturas e indicacións orixinais do autor, poderán verse por primeira vez en A Guarda. De igual modo as coplas de música tradicional que se cantan tamén se atopan no texto de Castelao. A produción estreouse en novembro de 2025 no Teatro Principal de Pontevedra, onde esgotou localidades cun público que agardaba dúas horas antes do inicio.
Antes da función, de 18:30 a 20:00 horas e no propio Centro Cultural, terá lugar “Mascarada teatral”, un obradoiro de teatro de máscaras a cargo da Asociación FOCO, concibido como quecemento escénico e acción de mediación arredor do espectáculo. Os participantes poderán explorar o uso da máscara —un dos elementos centrais da peza de Castelao— e experimentar coa técnica de interpretación con máscara. A actividade é gratuíta e require inscrición previa no enderezo cultura@aguarda.es
Esta representación forma parte da programación “Os precursores a escena”, un proxecto de dinamización da lingua galega subvencionada por Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia coa que o Concello da Guarda quere recuperar o traballo dos primeiros literatos que loitaron por promover e escribir na nosa lingua natal.


