
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou a cafetería “La Plaza” na campaña de apoio aos novos establecementos e novas xerencias da Guarda
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou a cafetería La Plaza, situada na Praza do Reló, 7, que recentemente iniciou unha nova etapa coa incorporación de Ismaele Castaldi como xerente do establecemento. Con esta visita, o rexedor guardés continúa coa campaña municipal de apoio aos establecementos de nova apertura ou que estrean xerencia, poñendo en valor o emprendemento e o dinamismo do tecido comercial e hostaleiro da vila.
Ismaele Castaldi asumiu a xerencia do negocio o pasado mes de maio. Natural de Italia, conta con máis de tres décadas de experiencia no sector da hostalería, ao que se dedicou dende os 17 anos. Co desexo de emprender e crear o seu propio negocio, trasladouse hai uns anos a Viana do Castelo e, tras descubrir A Guarda, decidiu apostar polo municipio para facer realidade o seu proxecto empresarial.
Despois de varios meses buscando un local que se adaptase ás súas necesidades, atopou na Praza do Reló o espazo idóneo para desenvolver a súa actividade. A amplitude do establecemento, a súa localización nunha das zonas con gran afluencia de persoas e o ambiente da contorna foron algúns dos aspectos que o levaron a escoller este emprazamento.
La Plaza abre as súas portas en horario de 10:30 a 15:00 horas e de 17:30 horas ata o peche. A súa proposta céntrase especialmente na elaboración dunha ampla variedade de almorzos, tanto doces como salgados, aos que suma unha selección de pizzas que manteñen viva a conexión do seu responsable coa gastronomía da súa Italia natal.
Durante a visita, Roberto Carrero destacou a importancia de apoiar iniciativas emprendedoras como esta, que contribúen á dinamización económica e comercial da Guarda, enriquecen a oferta hostaleira do municipio e fortalecen o atractivo da vila tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
Dende o Concello da Guarda desexámoslle a Ismaele Castaldi moitos éxitos nesta nova etapa profesional e confiamos en que La Plaza continúe consolidándose como un punto de encontro e referencia para quen busque un espazo agradable onde desfrutar da súa oferta como cafetería.


