
A Policía Local da Guarda informa do Plan Especial de Tráfico con motivo das Festas do Monte 2026
A Policía Local da Guarda porá en marcha un Plan Especial de Tráfico con motivo da celebración das Festas do Monte 2026, que se desenvolverán entre os días 3 e 10 de agosto. O dispositivo ten como obxectivo garantir a seguridade da veciñanza e das persoas visitantes, así como facilitar o desenvolvemento dos numerosos actos culturais, deportivos e tradicionais previstos durante estas datas.
Ao longo das festas estableceranse restricións puntuais á circulación en distintos puntos do municipio, especialmente na contorna da Alameda e da rúa Galicia, onde se concentra boa parte da programación festiva. As medidas incluirán cortes temporais de tráfico, desvíos por vías alternativas e regulación da circulación nos momentos de maior afluencia de público.
Como medida xeral, entre o luns 3 e o domingo 9 de agosto, ambos os dous días incluídos, a partir das 21:30 horas, permanecerá cortada ao tráfico a rúa Galicia, no tramo comprendido entre os cruces coa rúa República Dominicana (O Gallo) e coa rúa Julia Vaquero, habilitándose itinerarios alternativos debidamente sinalizados.
Ademais destas restricións xerais, o Plan Especial de Tráfico contempla dispositivos específicos para algunhas das actividades incluídas na programación. A continuación recóllense as principais afeccións ao tráfico derivadas dos actos que requiren un dispositivo específico:
PLAN ESPECIAL DE TRÁFICO – FESTAS DO MONTE 2026
LUNS 3 DE AGOSTO – I MILLA URBANA DAS FESTAS DO MONTE
Con motivo da celebración da I Milla Urbana das Festas do Monte, a partir das 17:00 horas cortarase o tráfico na rúa Galicia, entre o cruce desta coa rúa Julia Vaquero e a rúa Puerto Rico no cruce desta coa Baixada á Praia, desviándose a circulación por vías adxacentes, abríndose o tráfico á circulación unha vez rematada a proba.
MÉRCORES 5 DE AGOSTO – DESFILE DE TRAXES REXIONAIS
O Desfile de Traxes Rexionais implicará restricións de circulación desde as 18:30 horas, coincidindo co percorrido das agrupacións participantes. A partir desta hora pecharase o tráfico rodado na rúa Galicia, entre os cruces desta coa rúa República Dominicana e coa rúa Julia Vaquero, desviándose a circulación por vías secundarias.
O percorrido do desfile dará inicio na Alameda, continuando polas rúas Galicia, Vicente Sobrino, Brasilino Álvarez, Concepción Arenal e rúa Porto, finalizando no Auditorio de San Benito.
Así, o acceso ao porto a partir desa hora deberá realizarse polo acceso sur, chegando ao mesmo a través das rúas Manuel Álvarez, Circunvalación e Fernández Albor, atopándose igualmente cortado ao tráfico o acceso á rúa Porto dende a rotonda do Monumento ao Mariñeiro.
A duración deste plan especial de tráfico dependerá do tempo que tarde o percorrido pola zona do desfile, sendo as 21:00 horas aproximadamente a estimación prevista para dita finalización.
SÁBADO 8 DE AGOSTO – DESFILE FOLCLÓRICO E DE BANDAS MARIÑEIRAS
Durante o tradicional Desfile de Bandas, a partir das 11:00 horas, habilitarase un dispositivo especial con cortes de tráfico nas rúas Galicia, entre os cruces desta coa rúa República Dominicana e coa rúa Julia Vaquero, desviándose a circulación por vías secundarias.
O percorrido das bandas dará inicio na Alameda, continuando pola rúa Concepción Arenal, atravesando a praza de Avelino Vicente, rúa Porto e finalizando na rotonda do Monumento ao Mariñeiro.
Así mesmo, o acceso ao porto a partir desa hora deberá realizarse polo acceso sur, chegando ao mesmo a través das rúas Manuel Álvarez, Circunvalación e Fernández Albor, atopándose igualmente cortado ao tráfico o acceso á rúa Porto dende a rotonda do Monumento ao Mariñeiro.
A duración deste plan especial de tráfico dependerá do tempo que tarde o percorrido das bandas pola zona do desfile, sendo as 14:00 horas aproximadamente a estimación prevista para dita finalización.
DOMINGO 9 DE AGOSTO – SUBIDA AO MONTE
Con motivo da tradicional Subida ao Monte, para facilitar a subida das bandas e evitar que circulen vehículos e peatóns nunha mesma vía, así como para evitar a saturación con estacionamentos indebidos, prohibirase o paso de vehículos a partir das 11:00 horas, tanto dende o cruce da subida ao monte coa estrada provincial á altura do Centro Cultural como dende o acceso ao monte por San Amaro sentido Chans.
Permitirase o paso unicamente para o estacionamento no aparcadoiro de Chans novo ou, en casos de urxencias ou forza maior, debidamente valorados polos axentes que se atopen nos puntos de control, igualmente permitirase o paso, sempre coa obriga de retirar o vehículo nun período máximo de 30 minutos polo mesmo punto polo que se accedeu.
O acceso de autocares ao monte estará prohibido en calquera caso dende as 8:00 horas.
Establecerase unha bolsa de estacionamento no campo de fútbol de Chans novo.
En todo o acceso dende San Amaro pola pista forestal, sendo única vía de evacuación en caso de emerxencia, quedará terminantemente prohibido o estacionamento e a detención de vehículos.
Despois das 19:00 horas e dende que se inicie o descenso de Bandas, a saída de vehículos realizarase imperativa e exclusivamente por San Amaro, accedendo á estrada PO352 (Estrada de Camposancos).
O Concello da Guarda solicita á veciñanza e ás persoas visitantes a súa colaboración, recomendando planificar os desprazamentos con antelación, utilizar os itinerarios alternativos habilitados e seguir en todo momento as indicacións da Policía Local e do persoal de Protección Civil.
Así mesmo, agradece a comprensión ante as molestias que estas medidas poidan ocasionar, necesarias para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento das Festas do Monte 2026.


