
A Guarda celebra o Día das Bibliotecas co festival de cinema infantil itinerante “Festivaliño on the road”
O Concello da Guarda conmemorará o Día das Bibliotecas cunha proposta cultural dirixida ao público infantil e ás familias co Festivaliño on the Road, un pequeno gran festival de cinema itinerante que achega a sétima arte aos máis pequenos a través dunha selección de curtametraxes.
A actividade será este sábado, 24 de outubro, nos xardíns do Centro Cultural, de 17:00 a 20:00 horas, e ofrecerá unha oportunidade para gozar do cinema nun espazo ao aire libre e celebrar esta data arredor da cultura, a imaxinación e a aprendizaxe.
Festivaliño on the Road viaxa a bordo de «A caixiña dos mistos», unha caravana que leva o cinema mesmo aos lugares máis remotos. A iniciativa busca achegar o audiovisual aos máis pequenos e pequenas mediante unha programación de curtametraxes adaptadas a idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos, con duracións que oscilan entre os 2 e os 20 minutos.
Esta proposta combina entretemento e cultura, permitindo que nenas e nenos descubran diferentes historias, estilos e formas de contar a través da linguaxe audiovisual, nunha experiencia pensada para espertar a curiosidade e o gusto polo cinema dende as primeiras idades.


