
A Guarda súmase á IX edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais con dúas proxeccións no Centro Cultural
O Concello da Guarda súmase á IX edición do Ciclo Nacional de Cine y Mujeres Rurales, unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que busca dar visibilidade ao papel das mulleres no medio rural a través do cine e achegar ao público historias que amosan diferentes realidades, experiencias e perspectivas.
No marco desta iniciativa, o Centro Cultural da Guarda acollerá dúas proxeccións, ambas ás 20:30 horas:
• Venres 23 de outubro: Bodegón con fantasmas, dirixida por Enrique Buleo.
• Venres 13 de novembro: La buena letra, dirixida por Celia Rico.
As dúas sesións forman parte da programación presencial desta novena edición, que se desenvolve entre o 15 de outubro e o 15 de novembro en localidades de todo o territorio estatal.
Ademais das proxeccións presenciais, o ciclo ofrece unha mostra en liña gratuíta, dispoñible a través da súa páxina web oficial entre o 17 e o 31 de outubro. Esta programación reúne unha selección de 13 longametraxes e curtametraxes relacionadas coas mulleres e o mundo rural.
Con esta participación, A Guarda incorpora á súa programación cultural unha iniciativa que combina cine e reflexión social, favorecendo o coñecemento doutras realidades e o recoñecemento da contribución das mulleres á vida e ao desenvolvemento do medio rural.


