
A Casa do Concello acollerá a exposición de pintura “Unha + Un = 2” de Carmen Prado e Xesús Vázquez
A Casa do Concello da Guarda acollerá do 16 ao 29 de outubro a exposición de pintura “Unha + Un = 2”, unha proposta artística conxunta dos pintores Carmen Prado e Xesús Vázquez que permitirá achegar ao público dúas formas de entender e expresar a arte a través da pintura.
A inauguración da mostra terá lugar mañá, venres 16 de outubro, ás 19:30 horas, na propia Casa do Concello.
A exposición reúne as obras dos dous artistas procedentes da provincia de Lugo que, dende linguaxes plásticas diferentes e cunha marcada personalidade creativa, ofrecen unha visión propia do mundo que os rodea.
Carmen Prado, natural de Rábade, é unha pintora autodidacta que desenvolve a súa obra dende a intuición e a experimentación coa cor. Tras máis de vinte anos dedicada á ilustración anatómica e científica en revistas e publicacións especializadas, iniciou a súa traxectoria expositiva en 2013.
A súa pintura destaca pola presenza protagonista da figura feminina, as cores vivas e contrastadas e uns personaxes de gran expresividade. O seu estilo, situado entre o cómic e o surrealismo, aborda a realidade cotiá e as emocións humanas a través de composicións cheas de matices. Ao longo da súa carreira participou en numerosas exposicións individuais e colectivas, tanto no ámbito nacional como internacional.
Pola súa banda, Xesús Vázquez, natural de Sarria, compaxinou durante anos a súa profesión médica coa paixón pola pintura, que atopou nela unha vía de expresión e desenvolvemento persoal. Tras iniciarse na representación de paisaxes, a súa obra evolucionou cara á abstracción expresionista, cunha linguaxe na que as xeometrías, as texturas e, especialmente, a cor adquiren un papel fundamental.
Os seus lenzos caracterízanse polo uso intenso de tons vermellos e ocres e por composicións que buscan transmitir emocións e xerar novas sensacións no espectador. Dende a súa primeira exposición, en 2007, desenvolveu unha ampla traxectoria artística con participación en mostras individuais, colectivas e certames internacionais.
Con “Unha + Un = 2”, ambos os artistas comparten espazo expositivo nun encontro que pon en diálogo dúas sensibilidades e percorridos creativos, amosando a diversidade de estilos e posibilidades expresivas que ofrece a pintura.


