A andaina pola Ruta Máxica de Oia celebrarase o vindeiro sábado 26 de maio
A andaina Ruta Máxica de Oia foi programada para dar comezo as Andainas organizadas polo Concello da Guarda e Caminha pero debido ás malas previsións meteorolóxicas do mes de marzo foi aprazada. Finalmente, esta andaina celebrarase o próximo sábado 26 de maio, polo que a persoas interesadas deben confirmar a súa asistencia na Oficina de Turismo do Concello da Guarda, chamando ao teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.
Esta ruta estará guiada pola Asociación Costa de Castros. A Ruta Máxica de Oia percorre uns 18km da Serra da Groba pasando polas parroquias costeiras deste concello. O percorrido sinalizado comezará no miradoiro da Pedreira onde se atopan petróglifos e continuará coñecendo outros gravados rupestres ata chegar ao río Broi e ao espazo natural das Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental.
Despois ascenderase ata o Castro do Cano do Mouros e as Pozas de Mougas, onde se realizará o xantar. Nesta última parte do percorrido descenderase ata o Castro de Cabeziña. A ruta rematará na estrada PO-552, onde se atopa o Camping O Muíño.
Tag:Andaina, caminha, ruta máxica de oia