A Guarda apoia aos colectivos e asociacións da vila coa sinatura de convenios de colaboración por valor de 140.610€
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e os representantes de 53 asociacións guardesas veñen de firman os convenios para as subvencións nominais concedidas a cada unha delas para o ano 2018, aprobados en Pleno Ordinario.
As axudas municipais, cunha contía total de 125.610€, destínase a distintas asociacións guardesas de carácter deportivo(70.300€), cultural(36.110€) e social(19.200€), co obxectivo de contribuír ao correcto desenvolvemento das entidades de acordo coas actividades levadas a cabo por cada unha delas, apoiando o traballo e o esforzo que realizan en favor da nosa comunidade.
De entre o total das asociacións beneficiarias, 27 delas son entidades culturais e 19 constitúen asociacións deportivas, namentres as 7 restantes desenvolven labores de carácter social e, de xeito extraordinario, as Festas do Monte perciben axuda en calidade de actividade cultural por valor de 15.000€.
Os colectivos que recibirán un maior importe en cada ámbito son as Festas do Monte e a Asociación das alfombras florais (Cultura), o Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés e o Club Sporting Guardés (Deporte), e o Centro San Xerome Emiliani e a Asociación Érguete (Fins Sociais).
O Concello da Guarda é un dos gobernos locais da comarca que máis subvencións destina ás asociacións deportivas, culturais e de carácter social do seu municipio, dada a variedade e calidade das organizacións que desenvolven unha importante labor diaria en beneficio dos guardeses e guardesas.
Tamén cabe destacar o apoio que se realiza dende o Concello da Guarda a estes colectivos ao longo do ano aportando materiais, infraestruturas e operarios municipais para colaborar nos distintos eventos que se realizan, así coma a cesión de espazos públicos, petición de permisos, entre outras xestións.
Tag:A Guarda, axudas, Convenios, subvencións