A Guarda conmemora o Día Mundial do Turismo con visitas guiadas especiais ao castro de Santa Trega
• Estas visitas especiais, de carácter gratuíto e con inscrición previa, terán lugar o sábado 25 e domingo 26 de setembro con dúas citas: ás 11:00 e ás 12:30h.
O luns día 27 de setembro celebrase o Día Mundial de Turismo e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda aposta novamente polas visitas guiadas para conmemorar esta cita.
Despois dun verán con visitas guiadas no Monte Santa Trega volvese a ofertar este servizo pero nesta ocasión as visitas guiadas estarán centradas nas áreas escavadas dende o norte ao sur.
Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte ata a porta sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos como as vivendas reconstruídas, a zona de Mergelina, o concheiro,…
Estas visitas especiais terán lugar o sábado 25 e domingo 26 de setembro con dúas citas: ás 11:00 e ás 12:30h. As prazas están limitadas polo que precisan de inscrición previa no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
A duración aproximada é 60 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.