A Guarda festexa o Día Mundial do Turismo con visitas ao castro de Santa Trega e viaxes gratuítas no ferry
O Concello da Guarda e o Padroado Municipal do Monte Santa Trega celebran esta fin de semana o Día Mundial do Turismo.
Nesta iniciativa ofértanse visitas guiadas gratuítas aos castros do Monte Santa Trega tanto o sábado, día 26 de setembro, coma o domingo, día 27. Os horarios marcados para ambos días son, pola mañá ás 12 e as 13 horas e pola tarde ás 17, 18 e 19 horas.
Todas estas visitas durarán 40 minutos e o punto de encontro é o propio Castro.
Os grupos de máis de dez persoas deberán facer reserva previa para as visitas no número de teléfono 986 61 05 04.
Ademais, o propio domingo as viaxes de ferry tanto de A Guarda á vila portuguesa de Caminha e viceversa, serán totalmente gratuítas.
A primeira viaxe que fai o ferry dende A Guarda a Caminha tanto o sábado coma o domingo será as 11,30 horas e a última ás 20,15 horas. Ó revés, dende Portugal a primeira viaxe é as 11 horas e a última ás 20 horas.
Con este tipo de iniciativas o Concello da Guarda quere conmemorar esta data e invitar a turistas, visitantes e tamén ós veciños e veciñas da localidade a coñecer e gozar do poboado castrexo do Monte Santa Trega.