
A Guarda inaugura a programación de outono cun ciclo adicado ás grandes figuras da literatura galega
Neste 2026 o Concello da Guarda, a través do seu Departamento de Cultura, pon en marcha o proxecto de dinamización lingüística “A Guarda dálle á lingua: Os precursores a escena”, que busca rescatar dun xeito lúdico e ameno o legado daquelas figuras que loitaron, nos séculos anteriores, pola dignificación e recoñecemento da lingua galega na esfera pública.
Esta programación que comezou o 7 de agosto coa obra de Castelao “Os vellos non deben namorarse”, continúa agora coa proxección dunha película sobre Castelao e unha obra teatral sobre o proceso xudicial ao que se veu sometido Curros Enríquez pola publicación dun versos. Ambas actividades irán acompañadas de actividades de mediación cultural a cargo da Asociación FOCO para poder achegarse ao feito cultural dende unha perspectiva diferente.
Detallamos a continuación o programa e actividades:
25 de setembro: cine “Antes de nós” e coloquio con Asociación FOCO
A primeira cita será o xoves 25 de setembro, ás 20:30 horas, coa proxección do filme “Antes de nós”, produción galega estreada en 2025 que xa acumula ata 13 galardóns Mestre Mateo. A película retrata a Daniel Castelao antes de converterse na figura política e cultural que hoxe coñecemos, poñendo o foco na relación con Virxinia, a súa compañeira.
A proxección irá acompañada dun coloquio, para aquelas persoas interesadas, a cargo da Asociación FOCO Europa, entidade que traballa dende 2022 coa mocidade da Guarda e do Baixo Miño a través do teatro e as técnicas de expresión corporal.
3 de outubro: teatro “O Proceso” e obradoiro “Autopsia teatral”
A programación pecharase o sábado 3 de outubro, ás 20:30 horas, coa representación de “O Proceso”, da compañía Malasombra Teatro, con texto e dirección de Cándido Pazó. A peza recrea, en clave de sainete cómico, o proceso xudicial real que en 1880 sufriu o poeta Manuel Curros Enríquez, denunciado polo bispo de Ourense por varios poemas do seu libro Aires da miña terra. A obra, interpretada por catro actores que dan vida a once personaxes, une humor e rigor histórico para reflexionar sobre a lingua, a identidade e a liberdade de creación, con evidentes conexións coa actualidade.
Previamente á representación, ás 17:30 horas, terá lugar o obradoiro “Autopsia teatral”, unha actividade aberta ao público que permitirá coñecer de preto a documentación xudicial orixinal do proceso a Curros Enríquez e o proceso de traballo nun caso de teatro – documento. A participación nesta actividade precisará de inscrición previa a través de cultura@aguarda.es.
Estas actividades forman parte da proxecto “A Guarda dálle á lingua”, primeira edición dun programa estable do Concello da Guarda para promover o uso e o prestixio do galego a través de propostas culturais de calidade.
Así, complementando as propostas escénicas e audiovisual, a ilustradora e muralista Tamara Baz, preparou unha coidada imaxe orixinal da programación.
A iniciativa está financiada a través das liñas de dinamización da lingua galega da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.


