A Guarda informa da batida de xabaril que terá lugar este sábado no Monte Santa Trega
• Debido a danos producidos nos cultivos Medio Ambiente autorizou esta batida que terá lugar no TECOR Campo do Couto de Camposancos, no Monte de Santa Trega.
O Concello da Guarda informa á cidadanía de que o vindeiro sábado día 21 de maio está autorizada unha batida para a caza do xabaril en terreos do TECOR Campo do Couto de Camposancos, sito no Monte de Santa Trega.
Esta batida está autorizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a petición da Sociedade de Caza A Rosaleña.
Ben é coñecido por moitos veciños que nos últimos meses a poboación de xabaril é cada vez maior, co conseguinte risco para a circulación de vehículos, producindo accidentes de tráfico, así como para os cultivos, ocasionando graves trastornos para moitos cidadáns.
A batida realizarase nunha zona delimitada e respectando as zonas de seguridade marcadas, estando organizada conxuntamente con axentes medioambientais do distrito forestal e forzas de seguridade da zona.
Pídese á cidadanía evitar estes lugares durante esa xornada a fin de evitar interferir na actividade de caza, conscientes do perigo en si mesmo que conleva esta actividade.