A Guarda oferta dous obradoiros sobre sexualidade
O Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda organiza no mes de abril dous obradoiros sobre sexualidade adicado especialmente a adultos e ao alumnado dos centros educativos da vila.
«Como lle falo diso?»
O Obradoiro «Como lle falo diso?» é un obradoiro pensado para público adulto que terá lugar o vindeiro mércores día 3 de abril na Casa dos Alonsos en horario de 16:30h a 18:30h para profesionais(docentes, educadores/as, traballadores/as sociais, etc.) e en horario de 19:00h a 20:30h para familias.
Neste obradoiro se pretende facilitar a toma de conciencia de familias e profesionais de que é imposible non educar e que o silencio tamén educa, de que a educación sexual comeza dende a infancia e ten que ver con aspectos tan importantes como a autoestima, os afectos, o autocoñecemento, a comunicación, as relacións e os vínculos que establecemos cos demais, os roles, o xénero, a diversidade sexual, o pracer ou o consentimento. Farase unha exposición dos contidos clara e amena, con material audiovisual, favorecendo a participación, a reflexión e a formulación de dúbidas por parte do público participante.
Contarase coa presenza de Martina González Veiga, Sexóloga, Psicóloga Xral. Sanitaria especializada en Intervención e Acompañamento Psicolóxico en Diversidade Sexual e de Xénero
«De bo rollo»
O Obradoiro «De bo rollo» é un obradoiro que vai dirixido ao alumnado dos centro educativos da Guarda cunha programación de horarios adaptada especialmente a cada centro.
Neste traballarase co alumnado nun aspecto xeral sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións, tendo como eixes transversais o autocoñecemento, a xestión das emocións, o bo trato e a autoestima, traballando a comunicación asertiva a posta de límites e a negociación para garantir as relación desexadas libres de coacción e violencias.
Realizarase unha exposición dos contidos clara e amena, acompañada material audiovisual.
Estes obradoiros están organizados dende o Centro de Información á Muller da Guarda, co apoio da Unión Europea, o Goberno de España, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Concello da Guarda.
Tag:A Guarda, muller!, Obradoiros, sexualidade