A Guarda recupera este venres a Romaría de Santa Trega
O Concello da Guarda celebra este venres día 23 de setembro(festividade local) a Romaría de Santa Trega, unha festividade que se recupera este ano despois da pandemia da Covid-19, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega.
Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8:00h, 9:00h e ás 11:30h Sermón e Solemne Procesión.
Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.
A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.
Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que resulten en danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único.
A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado do monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións.